Agrupación Musical do Rosal

Banda de Música da Agrupación Musical do Rosal

A banda de música da Agrupación Musical do Rosal presentouse ó público o 4 de maio de 1986, sendo o seu director D. Laureano Matos Barcia. Dende entón levan pasado pola agrupación varios directores D. José Luis Represas Carrera (1988-1990), D. José Vicente Simeó Máñez (1990-2006), D. Diego Javier Lorente López (2006-2012), D. Marcel van Bree (2012-2014), D. Carlos Ramón Pérez (2014-2015), e dende setembro de 2015 está o cargo da dirección D. José Javier Bascoy Iglesias.

Dende a súa creación leva organizando innumerables actos culturais, concertos pedagóxicos, de grupos de cámara, con acompañamento coral…, e desde o ano 1989 organiza anualmente o “Festival de Músicos Xoves”, que xa contou coa participación de bandas da Comunidade Valenciana, Murciana e tamén do veciño Portugal.

É solicitada a súa participación en infinidade de certames, festivais, concertos, … e realizou importantes intercambios culturais con outras bandas galegas, así como do resto de España.

 

Dos premios conseguidos destacan os seguintes:

  • 1991:   2º Premio (na máxima categoría), no Certame de Bandas Galegas celebrado en Lalín.
  • 1995:   1º Premio no I Certame de Bandas de Música Populares Galegas, organizado pola Consellería de Cultura – Xunta de Galicia en colaboración coa R.T.V.G.
  • 1996:   1º Premio no II Certame de Bandas de Música Populares Galegas, organizado pola Consellería de Cultura – Xunta de Galicia en colaboración coa R.T.V.G.
  • 1999: Premio da Música concedido pola Fundación Premios da Crítica Galicia, “pola excelente calidade conseguida dentro da moi positiva evolución das bandas populares galegas”.
  • 2000: 2º Premio no CXIV Certame Internacional de Bandas de Música “Ciudad de Valencia” na 1ª Sección, celebrado no Palau da Música de Valencia.
  • 2001: 2º Premio no XXX Certame Internacional de Bandas de Música “Vila de Altea” (Alacante), celebrado no Palau da Música de Altea, e participando xunto coa Banda Sinfónica da Unió Musical de Llíria.
  • 2002: 1º Premio e Mención de Honra no II Certame Provincial de Bandas de Música (Sección Especial), organizado pola Deputación Provincial de Pontevedra.
  • 2003: 1º Premio no CXVII Certame Internacional de Bandas de Música “Ciudad de Valencia” na Sección Especial, celebrado na Praza de Touros de Valencia.
  • 2003: 1º Premio e Mención de Honra no III Certame Provincial de Bandas de Música (Sección Especial), organizado pola Deputación Provincial de Pontevedra.
  • 2004: Premio Are-More concedido polo Concello de Vigo
  • 2005: 1º Premio no XXXII Certamen de Bandas de Música Civiles Amateurs de Campo Criptana (Cidade Real)
  • 2009: 1º Premio no Certame Provincial de Bandas (Sección Especial), organizado pola Deputación Provincial de Pontevedra.
  • 2010: 1º Premio no Certame Zonal de Bandas da Deputación de Pontevedra (Sec. 1ª)
  • 2011: 1º Premio no V Certame Galego de Bandas de Música (Sec. 1ª) organizado pola Federación Galega de Bandas
  • 2013: Premio César Dios Diosiño, Premio Provincial á Cultura 2012, outorgado pola Deputación Provincial de Pontevedra

 

Actualmente, a banda está formada por máis de 80 compoñentes, algúns deles xa profesionais, coas súas carreiras musicais terminadas. Algúns dos compoñentes desta agrupación son membros habituais da Banda Sinfónica de Galicia, bolseiros da Orquestra Sinfónica de Galicia e da Joven Orquesta Nacional de España (JONDE), membros da Orquestra Sinfónica de Castilla y León, así como profesores de conservatorios e escolas de música.

Colaboraron con esta agrupación diversos concertistas instrumentistas de alto nivel musical e realizáronse cursos de dirección con prestixiosos mestres como Jan Cober, Rafael Sanz, Bernardo Adam Ferrero, Josep Vicent Egea, Ferrer Ferrar ou Pablo Sánchez Torrella.

A banda rosaleira, a través de encargos da Fundación O Rosal e tamén propios, estreou diversas obras para banda, compostas por Josep Vicent Egea, Juan Gonzalo Gómez Deval, Roxelio Groba ou Juan Lois Diéguez. No referente a gravacións ten editados cinco CD propios e recentemente colaborou no último disco de Treixadura “Esa sí que é muiñada”.

 

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies