Avelino Ferreira López nace en O Rosal, onde inicia os seus estudos musicais na Agrupación Musical do Rosal con Celso Diego e na especialidade de óboe con Olalla Álvarez.
Posteriormente, realiza os estudos superiores no Conservatorio Superior de Música da Coruña con Ismael Vaquero, finalizando con cualificación de Matrícula de Honra. Continúa a súa formación en Francia, cursando o Máster en Interpretación co prestixioso oboísta Christian Smith no Conservatoire de Musique, de Danse et d’Art Dramatique du Pays de Montbéliard, onde obtén a máxima cualificación por unanimidade.
No ámbito orquestral, colabora regularmente como oboísta coa Real Filharmonía de Galicia, a Orquestra Filharmónica de Gran Canaria e a Orquestra Sinfónica de Galicia. Así mesmo, participou activamente con distintas bandas municipais de Galicia, entre elas as da Coruña, Santiago e Pontevedra.
Como solista, resulta gañador do II Concurso de Interpretación do Conservatorio Superior de Música da Coruña, cuxo premio consistiu en interpretar o Concerto para Óboe e Orquestra de Richard Strauss como solista coa orquestra do centro.
No ámbito da música de cámara, é membro fundador do Quinteto Rubato, agrupación coa que levou a cabo diversos proxectos, entre os que destacan unha xira de concertos no Brasil e colaboracións con formacións como a Banda Municipal da Coruña.
Actualmente, compaxina a súa actividade artística coa docencia, exercendo como profesor de óboe no Conservatorio Superior de Música de Galicia.
