Nada en Pontevedra, comezou os seus estudos de frauta na Escola de Música Artística de Arcade e continuou a súa formación profesional no Conservatorio Profesional Manuel Quiroga, en Pontevedra, onde rematou con matrícula de honra da man de docentes como Iago Lariño ou Francisco Seoane. O grao Superior realizouno no CSM de Vigo, cos mestres Manuel Morales e Fernando Raña.
Durante a súa formación, e posteriormente, participou como instrumentista en diferentes agrupacións e recibiu clases maxistrais con frautistas como Kersten Mcall, André Cebrián, Adriana Ferreira, Violeta Gil, Zana Lekic ou Albert Mora.
Como instrumentista de banda tivo a oportunidade de tocar baixo a batuta de directores e mestres como Pascual Vilaplana, David Fiuza, Bart Picqueur ou Cristóbal Soler, e de participar en diversas ocasións no Certame Galego de Bandas de Música, no Certamen Internacional de Bandas de Música de Valencia e no Certamen Internacional “Villa de Aranda”.
Actualmente remata o Máster de Investigación Musical na Universidade Internacional de Valencia, e amplía a súa formación con diferentes cursos de pedagoxía e clases maxistrais de frauta.
Como docente activa dende 2020, traballou en diferentes centros e escolas de música, impartindo frauta travesera, linguaxe musical, banda infantil e música e movemento. Actualmente imparte clases na Escola de Música de Chapela e na Escola de Música Municipal de Coles (Ourense).
